2 feb 2013

OS CONTOS FAN AS PACES (1ª parte)

Xa temos os primeiros resultados da actividade PAZCONTOS.  Que ben sabe resolver o noso alumnado os conflitos! 
Aínda que a teoría é fácil, o máis difícil é aplicala á nosa vida cotiá.
Aquí tendes o mural que fixemos, no corredor da biblioteca, coas mans que foron entregando os nosos rapaces e rapazas. 


Imos repasar e comentar algunhas das magníficas respostas e solucións que aportastes para solucionar os conflitos.

"No conto da SEREÍÑA o problema é que se namora e pretende ser unha persoa diferente á que en realidade é. Unha posible solución sería de que se namorase de alguén como ela ou que o príncipe a quixese tal e como é." 

Sempre debemos aceptar ás persoas tal e como son porque todos temos virtudes e defectos, neso consiste o respecto aos demais.

No conto de PEDRO E AS FABAS MÁXICAS, "Pedro era moi pobre e o xigante perseguíao para papalo e evitar que lle roubase o ouro. A solución podería ser que o xigante se apiadase del e a cambio de ouro Pedro traballase para el." 

Unha vez máis descubrimos que os problemas se han de arranxar falando e non empregando a violencia que non resolve os conflitos senón que os fai maiores. Hai que chegar a acordos favorables para as dúas partes. 

No conto de ALICIA NO PAÍS DAS MARABILLAS, "as cartas fan trampas para que gañe a raíña e Alicia enfádase porque lle parece inxusto. Poderíamos solucionar o conflito falando e chegando á conclusión de que xoguen a algo que saiban xogar as dúas e sen facer trampas"

Os xogos son para divertirse e non se debe facer trampas neles. Sempre hai que tratar de gañar por méritos propios  e non a costa de facer dano aos demais. 


Os pequenos de primeiro de primaria están de acordo en que PINOCHO mentiu pero a eles non lles gusta a mentira por iso sempre van dicir a verdade sempre.







 No conto A GALIÑA DOS OVOS DE OURO o problema é o egoísmo, "porque quere as riquezas para ela soa. Eu o arranxaría dándolle as riquezas aos pobres"

Temos que ser xenerosos e compartir cos demais para sentirnos moito mellor tamén con nos mesmos. 




No conto RICIÑOS DE OURO E OS TRES OSIÑOS,  "Riciños non tivo paciencia e entrou na casa dos tres osiños sen permiso e púxose a comer a súa comida. Debería ter esperado a que chegaran os donos da casa e pedirlles que a convidaran a cear. 

Non podemos entrar nunha casa que non é nosa, nin coller as cousas dos demais sen pedir permiso. Hai que respectar e coidar moi ben todo aquelo que nos empresten.


No hay comentarios:

Publicar un comentario