1 may. 2013

PAPIRUS NOS CONTOS

Nesta semana de libros e lecturas os rapaces e rapazas de sexto agasallaron á nosa mascota cunhas versións moi especiais dos contos clásicos. 
Para elaboralos puxeron a funcionar o batedor de historias e nel mesturaron contos de sempre cunhas pingas de maxín, dez megas de tecnoloxía e grandes doses de traballo.
E velaquín tendes o resultado. Noraboa a todo o alumnado de sexto que participou nesta iniciativa.













14 feb. 2013

UN AMOR DE CONTO


En todos os CONTOS CLÁSICOS o AMOR é un sentimento que está moi presente.
Sabedes cal son os personaxes que representan o prototipo amoroso e que aparecen en case todos os contos?
Como non! Seguro que xa o adiviñastes! Son os príncipes e as princesas. 

Pero, como son os PRÍNCIPES e as PRINCESAS de conto?.
Hai príncipes de moitos tipos pero todos pertencen á realeza. Uns aparecen a cabalo, outros enfróntanse a adversidades máxicas ou rescatan donas en apuros. Son físicamente moi guapos e valentes e ao final sempre acaban casando coa princesa e vivindo felices por sempre.
As princesas son moi fermosas, con longos cabelos pero  as veces perden o seu status real (a Cincenta, Brancaneves). Son sensibles e adorables e preocúpanse dos demais. Ao final da historia sempre acaban casando co príncipe e viven felices e comen perdices para sempre.
Isto das perdices debía ser unha moda daquela época.
 Que pasaría se os personaxes de contos se volvesen tolos e se namorasen uns dos outros? Podedes imaxinalo?
· Cincenta namorada do Gato con Botas.
· Polgariño namorado de Brancaneves.
· A sereíña namorada  de Pinocho.
Poderíanse escribir cartas expresando os seus sentimentos de amor ou recitando versos estupendos.
Anímate a xogar coa imaxinación e dálle a volta do revés as historias dos contos?
Redacta a túa carta na plantilla adxunta e deposítaa na furna da biblioteca.
Recorda respectar as normas de presentación: non cometas faltas de ortografía, fai boa letra e unha bonita decoración.
Cando a teñas lista, pona dentro dun sobre (podes confeccionalo ti mesmo/a) e por suposto decóralo ao teu gusto.
Na parte frontal escribirás a quen vai dirixida e a dirección que pode ser inventada.  Na parte de atrás porás o nome do personaxe que envía a carta.




 Non esquezas tamén dicirnos cal é o teu nome e curso, podes escribilo na parte de atrás do sobre. E para rematar, podes decorar o selo como máis che guste.
Ao final da actividade recibiredes unha nova pegatina de Papirus para o voso albúm.

 E para rematar aquí tendes uns poemiñas de amor na nosa lingua:

O REI TIÑA UNHA FILLA
que morría de amor,
e por vela curada,
sen máis declaración,
ó Amor, queiras non queiras,
do reino desterrou.

O Amor, moi xuicioso,
Obedecendo a lei,
Camiño do desterro
Fóise co que era seu:
Cos bicos e coas rosas ...
¡ e coa filla do Rei !

              RAMÓN CABANILLAS
                (A rosa de cen follas)


POR AMOR
 Por amor nacín da terra.
Por amor son o que son.
Por amor canto o meu canto,
Por amor.

Por amor sángranme os pulsos
e ábreseme o corazón.
Por amor dóenme os ollos.
Por amor, só por amor.

                     DARÍO XOHÁN CABANA (1952)


AMOR DE AUGA LIXEIRA
muiñeira.

Amor de auga tardeira,
ribeira.

 Amor de auga frolida,
cantiga.

Amor de auga perdida,
miña amiga.

                        ÁLVARO CUNQUEIRO
                      (Cantiga nova que se chama Riveira)

9 feb. 2013

UN ENTROIDO DE CONTO

Os nosos contos e personaxes preferidos non podían faltar no Entroido. Preme nesta imaxe para ver a reportaxe completa do evento.

PREME NA IMAXE

2 feb. 2013

OS CONTOS FAN AS PACES (2ª parte)

Segunda entrega da actividade PAZCONTOS onde se reflexa o bo facer dos nosos nenos e nenas. 
Noraboa a todos e todas polos vosos traballos!
No conto OS SETE CABRITIÑOS E O LOBO, "o lobo trata de comer aos cabritiños, porque ten moita fame, mentras a súa nai vai de compras. Podemos solucionar o problema falando co lobo, ofrecendolle a probar unha tortitas e dándolle a receita para que as poida facer na súa casa"

Buscar solucións beneficiosas para todos e a mellor maneira de resolver os conflitos.

Para o conto de BRANCANEVES E OS SETE ANANIÑOS atopastes varias solucións  diferentes, "Ensinarlle á malvada raíña que a beleza está no interior das persoas e que o aspecto de fora é menos importante. Debería aprender ademais a amar e a respectar os dereitos dos demais" 
Non podemos destruir todo o que non nos gusta simplemente por querer ser sempre os mellores en todo.





No conto de CARAPUCHIÑA VERMELLA, "o lobo quere comer a Carapuchiña e á súa avoa porque está famento. A solución pasaría por invitalo a comer e decirlle que se puxera no lugar dos demais para ver o que se sinte"
 Temos que pensar sempre en como nos sentiríamos se estivésemos no lugar da outra persoa e se nos gustaría que nos tratasen desa maneira.

 No conto O PARRULIÑO FEO, o problema era que "a nai pata e os irmáns o trataban mal porque era diferente. Poderían poñerse no seu lugar para saber o que se sente canto te desprezan e tratar de querelo ou buscarlle unha familia máis axeitada"

Non debemos desprezar a ninguén simplemente porque sexa diferente ou teña costumes e hábitos distitos aos nosos.

 No conto da CINCENTA, "a madrastra e irmáns non a deixan ir ao baile porque lle teñen envexa pola súa beleza. Eu diríalles que todos temos os mesmos dereitos. "

Todos somos iguais e temos os mesmos dereitos e deberes. Hai que repartir as tarefas para que non faga todo o traballo unha mesma persoa e debemos tratar a todo o mundo por igual.


OS CONTOS FAN AS PACES (1ª parte)

Xa temos os primeiros resultados da actividade PAZCONTOS.  Que ben sabe resolver o noso alumnado os conflitos! 
Aínda que a teoría é fácil, o máis difícil é aplicala á nosa vida cotiá.
Aquí tendes o mural que fixemos, no corredor da biblioteca, coas mans que foron entregando os nosos rapaces e rapazas. 


Imos repasar e comentar algunhas das magníficas respostas e solucións que aportastes para solucionar os conflitos.

"No conto da SEREÍÑA o problema é que se namora e pretende ser unha persoa diferente á que en realidade é. Unha posible solución sería de que se namorase de alguén como ela ou que o príncipe a quixese tal e como é." 

Sempre debemos aceptar ás persoas tal e como son porque todos temos virtudes e defectos, neso consiste o respecto aos demais.

No conto de PEDRO E AS FABAS MÁXICAS, "Pedro era moi pobre e o xigante perseguíao para papalo e evitar que lle roubase o ouro. A solución podería ser que o xigante se apiadase del e a cambio de ouro Pedro traballase para el." 

Unha vez máis descubrimos que os problemas se han de arranxar falando e non empregando a violencia que non resolve os conflitos senón que os fai maiores. Hai que chegar a acordos favorables para as dúas partes. 

No conto de ALICIA NO PAÍS DAS MARABILLAS, "as cartas fan trampas para que gañe a raíña e Alicia enfádase porque lle parece inxusto. Poderíamos solucionar o conflito falando e chegando á conclusión de que xoguen a algo que saiban xogar as dúas e sen facer trampas"

Os xogos son para divertirse e non se debe facer trampas neles. Sempre hai que tratar de gañar por méritos propios  e non a costa de facer dano aos demais. 


Os pequenos de primeiro de primaria están de acordo en que PINOCHO mentiu pero a eles non lles gusta a mentira por iso sempre van dicir a verdade sempre.







 No conto A GALIÑA DOS OVOS DE OURO o problema é o egoísmo, "porque quere as riquezas para ela soa. Eu o arranxaría dándolle as riquezas aos pobres"

Temos que ser xenerosos e compartir cos demais para sentirnos moito mellor tamén con nos mesmos. 




No conto RICIÑOS DE OURO E OS TRES OSIÑOS,  "Riciños non tivo paciencia e entrou na casa dos tres osiños sen permiso e púxose a comer a súa comida. Debería ter esperado a que chegaran os donos da casa e pedirlles que a convidaran a cear. 

Non podemos entrar nunha casa que non é nosa, nin coller as cousas dos demais sen pedir permiso. Hai que respectar e coidar moi ben todo aquelo que nos empresten.


PAZCONTOS

A trama dos contos clásicos amósanos, con frecuencia, situacións de conflito e malas accións de dalgúns dos seus personaxes. 
Isto é debido, en gran parte, a envexas entre eles, pola beleza física (Brancaneves) ou  pola posición social (Cincenta). Tamén hai personaxes ambiciosos que pretenden ter máis bens, terras, cartos (O frautista de Hamelín). Outros so queren sobrevivir pero para iso enganan ( Os tres porquiños) ou tratan de sair adiante nun mundo hostil e pouco favorable (O gato con botas) empregando o enxeño.
Como solucionarías ti estas situacións?  
Serías quen de mediar e resolver os conflitos que aparecen nos contos clásicos? 


Recorda que a violencia trae máis violencia e o modo correcto de resolución é o diálogo para tratar de  chegar a acordos que favorezan a ambas partes.
Escolle algúns dos personaxes enfrontados e cóntanos como resolverías o seu conflito para que poidan ser amigos e levarse ben. Podes pensar ti  noutras situacións ou personaxes que estean enemistados doutros contos.

Exemplos de personaxes de conto en conflito:

Carapuchiña e o lobo
O lobo feroz e os tres porquiños
Cincenta e a malvada madrastra
Brancaneves e a ruín raíña.
Hansel e Gretel e a bruxa
O frautista e o avaricioso alcalde
Rapunzel e a bruxa
O patiño feo e a súa familia


Completa esta plantilla. Nunha das mans, escribiredes o conflito ou problema ao que se enfrentan os personaxes e na outra cal é a solución que vos considerades sería a mellor para solucionalo. No centro reflexamos o nome dos dous presonaxes enfrentados.



24 dic. 2012

O ABETO

Este conto de Hans Christian Andersen nos amosa a un abeto que ansía ser grande e optar a unha mellor vida, viaxar, ser unha árbore de nadal...Pero o tempo pasa e el non goza da súa marabillosa existencia, do sol, dos seus amigos, os animais do bosque e para cando se dea conta do que se está a perder, xa vai ser un pouco tarde ...

24 nov. 2012

CHARLES PERRAULT

Charles Perrault naceu o 12 de xaneiro de 1628 en Paris, nun parto doble porque ese día tamén veu ao mundo o seu irmán xemelgo, Françoise.  A súa familia pertencía á burguesía acomodada polo que a súa infancia foi moi boa e estudou nas mellores escolas do país. Morreu aos 75 anos,  tamén en Paris, o 16 de maio de 1703.

Escribiu en total 46 obras case todas dedicadas ao rey de Francia Aos 55 anos escribe "Os contos de mamá gansa" onde se atopan a maioría dos seus contos máis coñecidos e que perduraron ao longo do tempo. Entre eles destacamos os seguintes:
O gato con botas
Barba Azul
As fadas
Riquete o do copete
Perrault comparte algúns títulos cos irmáns Grimm.  A maior parte deles proceden da tradición oral e eran moi coñecidos nesa época de aí que existan varias versións.  Aínda que as historias son moi similares teñen algunhas pequenas diferencias nos detalles.
Carapuchiña vermella
A cincenta
A bela durminte
Polgariño